Tradutor

Serra da Peneda Gêres-Xurés

A serra do Xurés é un macizo granítico que fai de fronteira natural entre Galicia e Portugal. É a segunda elevación máis alta do país veciño con alturas máximas por riba dos 1500 metros de altitude e unha das zonas máis altas dentro da nosa terra. A serra divídese entre o sur da provincia de Ourense e o norte da provincia de Minho (Portugal).

Como curiosidade dicir que a parte portuguesa ten un maior ninvel de protección que a galega, sendo a lusa Parque Nacional da Peneda-Gêres (único Parque Nacional continental de Portugal) e a galega Parque Natural.

Vista dun antigo camiño que descende cara A Peneda (Portugal).

O Xurés está surcado por numerosos ríos e regatos que forman vales moi marcados, producíndose de maneira natural numerosas fervenzas e pozas, destacando a da Corga da Fecha, que salva máis de 200 metros de desnivel formando un conxunto de fervenzas que deixa a un marabillado e empequenecido ante tal beleza.


Fervenzas da Corga da Fecha, outubro do 2016 (Ourense).

Río Caldo, famoso polas súas augas termais, outubro do 2016 (Ourense).

Son moi característicos os penedos, grandes espazos nos que conviven cimas erosionadas e enormes bloques de granito redondeados polo paso do tempo que forman paisaxes únicas e que serven de hábitat para especies tan emblemáticas coma o lobo ibérico, a víbora de seoane ou as vacas cachenas.

Gran bolo granítico en perspectiva có tamaño dunha persoa.

Camiño de pedra entre grandes bloques de granito.

Mención a parte merecen as cachenas, raza bovina típica de Portugal e Galicia que foi utilizada para os traballos agrícolas ademáis de para a obtención de leite e carne. Na actualidade utilízanse para producir unha carne de excelente calidade.

O seu nome ven do termo galaico "cacheno" que significa pequeno, e fan honra o seu nome xa que é unha vaca de pequeno tamaño que ten coma característica máis chamativa uns enormes cornos que resaltan aínda máis polo tamaño do animal.

Cachena na Peneda (Portugal), novembro de 2016.

Cachena con cría en Olelas (Ourense), febreiro de 2017.

Esta serra ten unha grande extensión e moitos valores naturais que resaltar como para incluílos todos nunha soa entrada, polo que seguiremos coñecéndoa en futuras publicacións.

Agardo que despois deste pequeno resumo coñezamos un pouco mellor este recuncho de Galicia e que entre todos axudemos na súa conservación.

Vémonos na seguinte entrada!

Bibliografía:
Varios autores, (2006). As montañas de Galiza. Ed. A nosa terra.

Webgrafía:
www.medioruralemar.xunta.es

Ningún comentario:

Publicar un comentario