Tradutor

Os nosos réptiles cara a cara: os escánceres e os esgonzos

Nos nosos réptiles cara a cara achegarémonos ó mundo destes animais, para coñecelos, diferencialos e sobretodo para darlles o valor e respecto que merecen, xa que moitas veces a base de supersticións e crencias populares xerámonos unha idea equivocada de eles (mala sorte, velenosos, perigosos, agresivos...) Na súa maioría son animais completamente inofensivos que fuxen en canto sinten a presenza dun ser humano.

Gustaríame tamén engadir, que non só resultan na súa maioría inofensivos para o ser humano, senón que ademáis son os nosos aliados no campo, xa que son notables depredadores, fundamentalmente de insectos, vertebrados e pequenos mamíferos, ocupando un importante papel dentro do equilibrio dos ecosistemas.

Nesta sección do blog coñeceremos tódolos réptiles presentes na xeografía galega, pero dende un enfoque diferente, coñecerémoslos de preto, a través da macrofotografía. Así veremos e aprenderemos a diferenciar cada un de eles grazas a detalles como as escamas, a forma e cor dos ollos, o aspecto da cabeza, etc.


Imos comezar esta sección cós escánceres e os esgonzos, xa que son lagartos de apariencia similar cós que pode haber confusión na súa identificación. En Galicia contamos cunha especie de escáncer e dúas especies de eslizóns, que tal e como amoso a continuación son:

Anguis fragilis (escáncer común)
Especie común, amplamente distribuida por Galicia, lagarto sen patas con apariencia de serpe e escamas lisas e brillantes. Os ollos teñen pálpebras móbiles, o que os diferenza dos ofidios. Coloración dorsal avermellada ou cobriza. Tamaño de ata 25cm.

Gran macho co que podemos apreciar o seu aspecto de serpe con escamas lisas e brillantes.

Exemplar novo no que podemos apreciar os ollos coas pálpebras móbiles.

Chalcides striatus (esgonzo común)
Especie común, ben distribuida en Galicia, salvo nas zonas máis frías. Lagarto alongado con apariencia de serpe e con pequenas patas con tres dedas, escamas lisas e brillantes. Tamaño de ata 48cm.

Esgonzo tridáctilo afotado na provincia de Ourense.


Primeiro plano no que podemos observar detalles do rostro e das escamas.

Chalcides bedriagai (esgonzo ibérico)
Especies máis escasa, moi localizada, con preferencia por lugares cálidos. Lagarto alongado, máis robusto có tridáctilo, conta tamén con patas, de cinco dedas, escamas lisas e brillantes. Tamaño de ata 16cm.

Exemplar adulto de esgonzo ibérico no que se aprecia o corpo máis groso.

As patas destos esgonzos son máis longas ca dos tridáctilos.

Máis adiante centrareime en cada especie de réptil a nivel individual, adicándolle unha entrada a cada unha das especies que temos en Galicia, para coñecer mellor as súas características individuais, comportamento, hábitat...

Por último dicir que tódalas fotos que aquí aparecen son feitas por min, có único fin de dar a coñecer a nosa fauna e flora, polo que agradecería a súa difusión, se alguén está interesado en utilizar as imaxes, pido que antes se poña en contacto comigo debio o tempo e esforzo invertido na súa realización.
Agardo que despois deste pequeno resumo coñezamos un pouco mellor estos animais e que entre todos axudemos a súa conservación, vémonos na seguinte entrada!


Bibliografía:
Speybroeck, J., Beukema, W. y Bok, B., (2017), Anfibios y reptiles de España y de Europa. Barcelona, España, Ediciones Omega.
Masó, A. y Pijoan, M., (2011), Anfibios y reptiles de la península ibérica, baleares y canarias. Barcelona, España, Ediciones Omega.

Webgrafía:

www.vertebradosibericos.org
www.sghn.org

Ningún comentario:

Publicar un comentario