Tradutor

Os nosos anfibios cara a cara: os limpafontes

Nos nosos anfibios cara a cara achegarémonos ao mundo destes pequenos animais, para coñecelos, diferencialos e sobretodo para darlles o valor e respecto que precisan, xa que moitas veces a base de supersticións e crenzas populares xerámonos unha idea equivocada deles (mala sorte, velenosos, perigosos, agresivos...). Son animais completamente inofensivos e só podería causar unha hipotética toxicidade se despois de manipulalos nos tocamos zonas sensibles coma os ollos ou os beizos, xa que se podería sufrir unha pequena irritación.

Gustaríame tamén engadir, que non só resultan inofensivos para o ser humano, senon que ademáis resultan beneficiosos, xa que son notables depredadores, fundamentalmente de insectos e invertebrados, ocupando un importante papel dentro do equilibrio dos ecosistemas.

Nesta sección do blog gustaríame que coñecésemos tódolos anfibios presentes na xeografía galega, pero dende un enfoque diferente, coñecerémolos de preto, a través da macrofotografía dos seus rostros. Así veremos e aprenderemos a diferenciar cada un deles grazar a detalles coma a pel, a forma e cor dos ollos, aspectos da cabeza, etc.

Anteriormente xa falamos dos sapos, das ras e das píntegas polo que esta vez será a quenda dos limpafontes, tal vez o grupo de anfibios menos coñecido, xa que pasan a meirande parte da súa vida na auga. En Galicia contamos con 3 especies diferentes de limpafontes, que tal e como amoso a continuación son:

Triturus marmoratus (limpafontes verde)
Especie común, ben distribuida en Galicia, pel granulada con coloración dorsal verde e manchas negras. Tamaño mediano ou grande (ata 14 cm). Patrón moi variable no deseño das manchas.

Femia afotada dentro da auga nas Gándaras de Budiño (Pontevedra) en febreiro do 2018.

Detalle dun macho afotado na Cañiza (Pontevedra) a finais do 2017.

Lissotriton boscai (limpafontes común)
A especie máis común, presente en todo o territorio, pel granulosa en fase terrestre e lisa en fase acuática. Coloración dorsal gris, parte inferior laranxa con pingas negras. Pequeno tamaño. (ata 8 cm).

Macho en fase terrestres atopado en Ponteareas (Pontevedra).

Exemplar adulto en fase acuática en Vigo (Pontevedra).

Lissotriton helveticus (limpafontes palmado)
Especie menos frecuente e en retroceso, coa pel aveludada en fase terrestre e lisa en fase acuática. Banda escura característica que atravesa o ollo, ventre amarelo ou alaranxado con poucas ou ningunha mancha escura. Pequeno tamaño (ata 7 cm).

Detalle dun macho no que se pode ver a banda escura que atravesa o ollo.

Nesta fotografía pódense apreciar as palmeaduras nas patas anteriores. 

Máis adiante centrareime en cada especie de anfibio a nivel individual, adicándolle unha entrada a cada unha das especies que temos en Galicia, para coñecer mellor as súas características individuais, comportamento, hábitat...

Por último dicir que tódalas fotos que aquí aparecen son feitas por min, có único fin de dar a coñecer a nosa fauna e flora, polo que agradecería a súa difusión, se alguén está interesado en utilizar as imaxes, pido que antes se poña en contacto comigo debio o tempo e esforzo invertido na súa realización.

Agardo que despóis deste pequeno resumo coñezamos un pouco mellor estos animais e que entre todos axudemos a súa conservación, vémonos na seguinte entrada!

Bibliografía:
Speybroeck, J., Beukema, W. y Bok, B., (2017), Anfibios y reptiles de España y de Europa. Barcelona, España, Ediciones Omega.
Masó, A. y Pijoan, M., (2011), Anfibios y reptiles de la península ibérica, baleares y canarias. Barcelona, España, Ediciones Omega.

Webgrafía:

www.vertebradosibericos.org
www.sghn.org

5 comentarios: