Tradutor

Expedición ao centro-norte da Península 2020

A mediados de xullo do 2020 emprendín "in extremis" unha viaxe co meu amigo da infancia Pablo Rodríguez no que percorrería en 6 días o centro-norte da Península Ibérica (León, Burgos, Soria, La Rioja, Zaragoza e Navarra) có obxectivo de ver o maior número posible de hérpetos (anfibios e réptiles) e hábitats.

A preparación desta viaxe foi moi curta, con apenas un par de días de loxísitca e planificación da ruta, xa que ata prácticamente o último momento a viaxe estaba no aire.

Arrincamos un venres á tardiña dende Vigo (Pontevedra) co obxectivo de facer a primeira noite nun porto de montaña en León, durmindo por riba dos 1600 metros.


 A uns 1900 metros de altura pódense apreciar os enormes canchais de rochas que sirven de hábitat a lagartixa serrana (Iberolacerta montícola).

Nesta idílica paraxe puidemos deleitarnos con animais tan especiais coma cervos, corzos, raposos e varias especies de anfibios e réptiles que non veriamos en ningún punto máis da ruta, entre elas a lagartixa serrana (Iberolacerta montícola), a lagartixa de turbera (Zootoca vivípara), a cobra de colar (natrix astreptophora) ou a ra vermella (Rana temporaria).


Vistas do val, coa presenza dominante do Pino silvestre (Pinus sylvestris).

Após este inicio tan bó deixamos atrás as montañas de León para chegar a provincia de Burgos, onde nos agardaba o noso amigo e divulgador Alberto González, de Bicheando.net para pasar xuntos dous días. A calor apretaba demasiado como para ter sorte no monte nas horas centrais do día polo que neses ratos aproveitabamos para nos bañar nos múltiples ríos da zona. A pesares da intensa calor puidemos observar algunhas das especies ás que máis ganas lles tiñamos.

 Vipera con caracteres mixtos localizada nas primeiras horas da noite.

 Gran exemplar de Coronella austriaca cunha fermosa coloración afotado unha mañán de moita calor.

Primeiro plano dunha Vipera latastei ou víbora fociñuda.

 
Macho adulto de vacaloura (Lucanus cervus).

Exemplar adulto de morcego Myotis sp.

Macho de lagarto verde (Lacerta bilineata).

Deixando atrás Burgos nos diriximos cara Soria, aínda coa compañía de Alberto para coñecer as montañas do norte desa provincia. Ao ser zonas máis altas as temperaturas mantíñanse máis frescas e puidemos disfrutar de lugares húmidos e sombríos que nos chegaron a recordar por momentos a Galicia.

 Exemplar de Vipera aspid localizado soleándose na montaña soriana.

Vista cenital do mesmo exemplar de Vipera aspid no que se pode observar o deseño nominal desta fermosa especie.

Tras esta breve parada por Soria continuamos o noso camiño cara o Leste da Península, tendo a sorte de poder xuntarnos polo camiño cós nosos bos amigos vascos Ander, Julen e Aritz cós que tiven o pracer de repetir a experiencia de ver o Sapillo moteado (Pelodytes puntactus).

 Primeiro plano do fermosísimo Pelodytes punctatus, para min un dos anfibios máis fermosos da Península Ibérica.

Sapillo moteado (Pelodytes punctatus) no seu hábitat, unha cova húmida onde sobrevive a calor do verán.

Un descanso no camiño, de esquerda a dereita Julen, Aritz, Ander e Pablo.

Finalmente chegamos a Zaragoza, onde nos xuntaríamos con Dan Blag e Kike Ruíz dous grandes amigos e naturalistas que fan unha labor invisible na que rescatan cada ano a miles de animais de morrer de inanición. En grandes extensións de Zaragoza hai estruturas abandonadas para almacenar ou recoller auga que pola súa forma (grandes paredes verticais de cemento) supoñen unha trampa mortal para toda a fauna local, xa que entran ou caen dentro destas estruturas para beber, reproducirse, refuxiarse ou por accidente e despóis non son quen de sair. En día e medio puidemos rescatar ducias de animais, (mamíferos, réptiles, anfibios e mesmo unha ave) pero tamén topamos moitos para os que xa era tarde.

Un dos moitos efectos trampa revisados nas inmediacións de Zaragoza, foto de Pablo Rodríguez.

Lagartixa cincenta (Psammodromus hispanicus) rescatada en bo estado dun efecto trampa.

 Femia de cobra rateira (Malpolon mospessulanus).


Macho de cobra rateira (Malpolon monspessulanus).

Exemplar de sapo corriqueiro (Epidalea calamita) rescatado xunto a unha ducia máis destes fermosos animais.

Femia de aguilucho lagunero (Circus aeruginosus) rescatado cunha á rota que se levou esa mesma tarde a un centro de recuperación de fauna cercano.

Antes de emprender a viaxe de volta a casa decidimos pasar por Navarra, e a ledicia foi maiúscula cando nuns humedais topamos cunha das especies máis fermosas da Península, O Galápago europeo (Emys orbicularis).

Exemplar novo de Galápago europeo (Emys orbicularis) co seu hábitat de fondo.

Casi unha semana percorrendo boa parte do norte Península Ibérica, na que fixemos case 3000 kilómetros, con grandes camiñatas, mil experiencias e aventuras que se quedarán grabadas na memoria por moitos anos xunto o meu gran amigo Pablo e os nosos amigos madrileños, vascos e zaragozanos, onde puidemos observar e desfrutar dun total de 28 especies de hérpetos que vos deixo a continuación:

Anfibios
Bufo spinosus
Alytes obstetricans
Epidalea calamita
Pelobates cultripes
Pelodytes punctatus
Pelophylax perezi
Rana temporaria
Triturus marmoratus

Réptiles
Emys orbicularis
Podarcis muralis
Iberolacerta monticola
Zootoca vivipara
Psammodromus algirus
Psammodromus hispanicus
Tarentola mauritanica
Chalcides striatus
Anguis fragilis
Timon lepidus
Lacerta bilineata
Natrix maura
Natrix astreptophora
Coronella girondica
Coronella austriaca
Zamenis scalaris
Malpolon monspessulanus
Vipera seoanei
Vipera aspid
Vipera latastei

Especies non atopadas
Hyla molleri
Podarcis liolepis
Lacerta schreiberi
Hierophis viridiflavus

Non podería rematar este pequeno relato sen agradecer ao noso querido amigo Rafael Vázquez Graña as súas recomendacións, coñecementos e guía, xa que sen él a nosa viaxe tería sido moito menos exitosa.

Por último, dicir que tódalas fotografías que aquí aparecen son feitas por min salvo que se especifique o contrario, có único fin de dar a coñecer a xeografía, fauna e flora que nos rodea, polo que agradecería a súa difusión, se alguén está interesado en utilizar as imaxes, pido que antes se poña en contacto comigo a través do blog, debido ao tempo e esforzo invertido na súa realización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario