Tradutor

Serra da Groba

A serra da Groba é un macizo formado por granito de alrededor de 50 km cadrados, está situada na provincia de Pontevedra, cunha orientación Norte-Sur que vai paralela a costa, dende Baiona ata a Guarda, caendo abruptamente sobre o mar e ofrencéndonos unhas impresionantes vistas do océano Atlántico e boa parte do sur da provincia.

Vistas dende o alto da Groba, onde se pode apreciar de esquerda a dereita as Illas Cíes, Baiona, Nigrán, Panxón e o fondo a Ría de Vigo e parte da Península do Morrazo.

A Groba está surcada por moitos regos que forman vales moi abruptos. A Serra é coma unha meseta na que sobresaen diferentes altos separados por zonas chairas e pequenos vales, os puntos máis altos superan os 600 metros de altitude. Os ríos e regatos que nacen na serra son agrestes e forman vales con moito desnivel, producíndose de xeito natural fervenzas e pozas, algunhas delas moi coñecidas, coma as de Mougás.

Na foto podemos ver as pozas de Mougás, un entorno moi coñecido polas xentes do lugar.

A parte alta da serra é bastante chaira, estas zonas foron dende fai milleiros de anos zonas de pasto para os antiguos poboadores, e de feito, a paisaxe despexada da Groba é produto deste uso, as fragas (bosques caducifolios) desapareceron para dar paso a zonas de pastoreo e matogueira.


Se falamos da serra da Groba, non podiamos pasar por alto un dos seus elementos protagonistas, o Garrano. Éste é o cabalo salvaxe galego, aínda que segundo algúns estudos podería deixar de considerarse cabalo como tal e pasar a formar unha nova categoría de Equus, xa que se diferenciou bastante do cabalo doméstico debido os miles de anos de adaptación as duras condicións da serra.


O valor natural destas poboacións galegas de garranos é moi pouco coñecido e moi infravalorado, son os últimos representantes dos grandes herbívoros que compoñían a fauna europea e en moitas partes de Galicia so os garranos e as vacas as que fan a función ecolóxica dos grandes hervívoros, mantendo ecosistemas e especies que xurdiron pola interacción entre a vexetación e os devanditos animais.


O cabalo de monte galego é pequeno, resistente e pouco esixente no tocante a súa alimentación e coidados, a maioría da poboación vive todo o ano no monte ceibe, sen apenas intervención humana exceptuando o día da rapa das bestas, na que se desparasitan e se marcan os poldros do ano.

Posta de sol dende un dos altos da serra, no que se pode contemplar o Océano Atlántico.

Na Serra da Groba nacen multitude de regos que teñen unha vida curta pola proximidade ó mar, formando no seu primeiro tramo brañas e turbeiras (humedais cheos de materia vexetal en descomposición) e máis adiante abrutptos vales con saltos e numerosas pozas, que serven de refuxio a numerosas especies tanto de flora coma de fauna.

Un dos múltiples regos que percorren a paisaxe e enchen o lugar de vida o seu paso.

A continuación deixo algúns exemplares dos diversos anfibios que nas miñas múltiples saídas pola serra fun achando, algúns comúns, coma a ra patilonga, e outros máis difíciles de atopar, coma o sapo de esporóns.

Exemplar adulto de Salamandra salamandra atopado no alto da Groba.

Ra patilonga (Rana iberica) nun dos múltiples vales que percorren a serra.

Exemplar adulto de ra das veigas (Discoglossus galganoi).

Exemplar adulto de sapo de esporóns (Pelobates cultripes) afotado na Groba, a especie de anfibio máis escasa de Galicia, considerada en perigo de extinción.

No tocante a súa flora, a Groba ten grandes extensións de zonas de pasto, onde predominan os toxos, xestas e brezos, que son moldeados polos grandes herbívoros da zona (garranos e vacas como xa comentamos con anterioridade), xa que se alimentan deles.

Por outra banda, temos que falas da masa forestal da serra, formada por pequenas fragas illadas que sobreviviron as talas e os lumes, formadas fundamentalmente por carballos e salgueiros e reforestacións de eucaliptais e piñeirais para a producción de madeira.

Bosque de piñeiro de Monterrey (Pinus radiata).

Agardo que despois deste pequeno resumo coñezamos un pouco mellor este recuncho de Galicia e que entre todos axudemos na súa conservación.

Vémonos na seguinte entrada!

Bibliografía:
Varios autores, (2006). As montañas de Galiza. Ed. A nosa terra.

Webgrafía:
www.medioruralemar.xunta.es

1 comentario: