Tradutor

Expedición a India (1º parte): zonas de Bangalore e Tumkur

No verán de 2024 6 amigos fixemos unha viaxe o sur da India con dous guías especializados en hérpetos. A idea era percorrer o maior número de hábitats posibles, dende as zonas máis secas na periferia de Bangalore ata as selvas tropicais húmidas da costa suroccidental. O obxectivo da viaxe era coñecer o país e poder observar e desfrutar de primeira man da natureza da India, un país incríble, caótico e cheo de contrastes.

Foto do equipo cedida por Ander, de esquerda a dereita comezando por arriba: David, Greg, Miguel, Soenke, Marco, Ander, Yatin e Vikas

Zonas de Bangalore e Tumkur

Despois dunhas 30 horas de viaxe, tres avións, trenes e taxis, chegamos a Bangalore, unha cidade inmensa e caótica duns 13 millóns de habitantes, alí xuntámonos case todo o equipo, David, Ander e eu de diferentes puntos da Península, Marco de Italia, Greg de Suíza, os guías Yatin e Vikas da India e por un problema có pasaporte non nos puidemos xuntar con Soenke de Alemaña ata varios días máis tarde, xa en Sirsi.


Con case todo o equipo listo bicheamos polas inmediacións do hotel, atopando as nosas primeiras especies da viaxe, era incrible estar na India e poder desfrutar de especies tan diferentes as nosas!

Primeira especie e por incrible que pareza tamén primeira serpe da viaxe, Indotyphlops braminus, serpe-verme que collería no diámetro dunha moeda dun euro.

Esa primeira noite fomos a unhas colinas as aforas de Bangalore, onde estivemos bicheando unhas cantas horas, o hábitat era de grandes rochas, con árbores e matogueira baixa, sen chuvia.

Practicamente a cada paso atopabamos algunha especie de  hérpeto, o equipo ía máis ou menos xunto, pero duraría pouco xa que había moitas especies para afotar e nos iamos parando a cada pouco.

Primeira serpe con aspecto de serpe da viaxe, unha inofensiva Lycodon flavicollis

Duttaphrynus hololius, especie de sapo endémica do Sur da India, e en concreto, da zona dos Ghats, adoita vivir entre grandes rochedos graníticos

Entre serpes, ras e lagartos ía pasando a noite, ata que entre unhas polas, a uns 4 metros de alto atopamos a nosa primeira víbora da viaxe, tratábase dun exemplar de Craspedocephalus gramineus, unha especie de víbora arborícora que vive en zonas secas máis ou menos conservadas, é de cor verde e pode acadar o metro de longo, unha gozada de animal!

Primeiro plano  da Craspedocephalus gramineus, onde se pode apreciar perfectamente a súa pupila vertical e a cor verde que a caracteriza

Segundo avanzaba a noite a lista de hérpetos seguía aumentando, vendo entre outras especies camaleóns, gekos e esgonzos.

Eutropis macularia, un fermoso esgonzo presente no sueste asiático

Fotografía 'in situ' dun Chamaeleo zeylanicus ou camaleón da India mentres se desprazaba polas pólas dunha árbore

Foto testemuñal dun xuvenil de Eutropis carinata, outro esgonzo moito menos colorido

Ander, David e eu estabamos explorando unha zona de bosque máis pechada cando os guías chamaron por nos, atoparan unha das catro grandes da India!

As catro grandes ou "The big four" en inglés, son as catro especies de serpes que máis mortes causan na India, os guías comentáronnos que no ano 2023 causaron a morte de 79.000 persoas. Son serpes que se moven bastante e que adoitan vivir en zonas agrícolas, polo que non é raro que acaben entrando nalgunha casa ou sendo pisadas accidentalmente durante o traballo no campo. Estas zonas agricolas adoitan estar mal comunicadas e lonxe de hospitais, e se a isto lle sumas as fortes crenzas na medicina tradicional e nos menciñeiros isto fai que a mordedura destas catro serpes sexa en moitas ocasións letal para o ser humano.

Chegamos onde estaba o resto do equipo, e no chan, movéndose sen parar, vimos un Krait común, Bungarus cearuleus, unha serpe da familia dos Elapidae, ou do que é o mesmo, das cobras. A sensación era unha mestura entre curiosidade, respeto, admiración, e emoción, a nosa primeira das catro grandes!

Hábitat onde atopamos a Bungarus cearuleus, chan granítico con grandes laxes, coa serpe en constante movemento

A serpe debía mediar algo máis dun metro e se movía moi tranquila entre grandes laxes de granito, na procura dalgún pequeno mamífero do que poder alimentarse. Fixémoslle algunhas fotos e a deixamos seguir o seu camiño.

Plano detalle da cabeza e da lingua que usa para orientarse durante os seus desprazamentos

Unha vez chegamos ó cumio das colinas empredimos o camiño de volta ó coche, xa baixando atopamos varias rás e sapos así coma innumerables geckos.

Na foto podemos ver unha Polypedates maculatus, unha das moitas especies de rás arborícoras indias.

Hemidactylus parvimaculatus, pequeno gecko emparentado coa salamanquesa rosada Hemidactylus turcicus, presente na Península Ibérica

A uns 100 metros do coche e indo todos xuntos sentimos que os que ían diante comezaron a berrar " A FUCKING COBRA" literalmente "unha fodida cobra", avanzamos correndo uns metros, e alí estaba, na beira das escaleiras polas que estabamos baixando, unha cobra duns 160 cm, a miña primeira cobra.

Unha imaxe ás veces vale máis que mil palabras

As palabras quédanseme curtas para expresar o que sentín cando vin este animal, a miña primeira cobra, totalmente salvaxe e no seu hábitat natural, un dos momentos máis especiais de toda a viaxe, inesquecible.

Yatin e Vikas, os nosos guías, mantiveron a cobra en todo momento controlada, mentres nos lle faciamos fotos formando un círculo arredor dela, foi un espectáculo ver como a manexaban,  cun gancho e unha tea para atraer a atención da serpe e facer que se colocase na posición máis característica desta especie, xa que así se mantén inmóbil, controlando o que acontece o seu arredor.

Impoñente imaxe da cobra de costado, deixando visibles os inconfundibles anteollos do lombo

Trala breve sesión de fotos deixamos que este emblemático animal seguise có seu paseo nocturno ás aforas de Bangalore. Por certo, con esta cobra xa ía a segunda das catro grandes da India, vaia noite para o recordo!

Subimos ó coche e conducimos a fume de carozo, (Yatin sempre conducía así entre o caos das estradas indias) a hora e media que nos separaba do hotel, vaia benvida nos deu a India.

Os seguintes días adicámolos a estar pola contorna de Bangalore agardando chamadas de rescates de serpes en diferentes contornas. Hai un grupo na india chamado WARCO que se adica a acudir a casas de particulares ou o lugar que sexa a sacar dalí as serpes que os locais se atopen nas súas propiedades, recordemos que na India hai varias especies que son mortais, polo que a xente lles ten en moitos casos auténtico pavor.

Ó longo de dous días, estivemos acudindo a diferentes lugares tales coma fábricas, plantacións, pero sobre todo casas, para atopar diferentes especies de serpes, metelas nun saco e levalas a un lugar seguro lonxe das casas.

Na meirande parte dos rescates topámonos con serpes velenosas, dentro das chamadas catro grandes ou "The Big Four".

Neses días fixemos un total de 5 rescates, puideron ser máis pero tivemos que cambiar de plans porque o servicio forestal estaba na nosa procura, aparentemente bichear na India é ilegal, e máis se son extranxeiros os que bichean, nada é doado na India.

Nestes rescates sacamos de diferentes espazos dúas cobras Naja naja, unha víbora de Russel Daboia russelii, unha serpe rata Ptyas mucosa e unha Dendrelaphis tristis

Exemplar xuvenil de cobra Naja naja, no momento no que a liberabamos lonxe das casas

De todas elas, a que máis nerviosos puxo ós nosos guías, ós locais e a nós mesmos foi a Víbora de Russel, un ofidio que pode acadar uns 170cm, e que ademáis de ter un veleno letal, ten moito carácter, é moi rápida nos seus ataques e ten os colmillos máis grandes de tódalas serpes da India. Con animais coma estes hai que extremar as precaucións.

Gran exemplar de Víbora de Russel Daboia russelii no momento de ser liberado nun lugar illado e tranquilo

A experiencia dos rescates, de ver de primeira man esas especies de serpes, pero sobretodo, de coñecer xente diferente nas súas casas ou nos seus traballos, ver onde e como viven, a súa humildade e gratitude que amosaban fixeron de eses intres uns dos máis especiais da viaxe, inesquecibles sen dúbida.

Coma dixen anteriormente, na India xurdían problemas a cada paso, tendo que adaptar a viaxe constantemente, tiñamos planificado estar máis tempo facendo rescates, pero coma os axentes do departamento forestal andaban preto e podiamos ter problemas serios cambiamos de zona, adiantando a nosa chegada a Tumkur, a unhas dúas horas no coche dende Bangalore.

Tumkur seguía a ser un entorno cun ambiente seco, pero moito mellor conservado que os hábitats previos, había boas zonas de bosques con grandes claros nas zonas baixas que os locais aproveitaban para a agricultura, aquí e alá había grandes bolos graníticos que salpicaban a paisaxe, así coma pequenas e medianas masas de auga que conformaban un hábitat idílico para moitas especies de hérpetos.

Fantástico hábitat en Tumkur, composto por masas de auga, espazos abertos e grandes rochas graníticas

Neste espazo botamos día e medio na procura de animais, intensificando a busca sempre nas horas nocturnas, dando paseos nos arredores da cabana onde quedabamos a durmir.

Exemplar de Boiga flaviviridis nunha pola dunha matogueira

Puidemos atopar novas especies de anfibios, destacando a Microhyla rubra entre as ras polo seu pequeno tamaño e o Duttaphrynus melanostictus pola súa abundancia.

Adulto da diminuta especie Microhyla rubra, algo máis grande cunha moeda de 5 céntimos 

Duttaphrynus melanostictus, sapo cunha faciana moi contrastada por esas liñas negras ben visibles

Uperodon variegatus 

Entre os réptiles máis descadados temos que falar dos primeiros e  case únicos sapocochos da viaxe, por unha banda da Melanochelys trijuga ou tartaruga negra india e da tartaruga india de cuncha branda Lissemys punctata, esta última, ben curiosa polo seu fuciño, que recorda o dun porco.

Plano detalle onde se pode apreciar o fuciño de porco da Lissemys punctata

Calotes versicolor afotado 'in situ' soleándose nun poste a beira do camiño

Fowlea piscator, a equivalente a Natrix maura galega, unha serpe de auga inofensiva

Trala fructífera estancia en Tumkur desprazámonos seis horas no coche cara Sirsi, no que sería a nosa primeira parada na selva tropical, a chuvia agardaba por nós!


Déixovos tamén por aquí o vídeo que fixen da 1º parte da aventura na India, que coincide con esta entrada do blog.


Por último, dicir que tódalas fotografías que aquí aparecen son feitas por min agás que se diga o contrario, có único fin de dar a coñecer a xeografía, fauna e flora que nos rodea, polo que agradecería a súa difusión. Se alguén está interesado no uso das imaxes pídovos que antes vos poñades en contacto comigo debido ao esforzo e o tempo investido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario