Tradutor

Serra do Suído

A serra do Suído está situada ao sur da Dorsal Galega, ésta dorsal é unha cadea de serras que van dende Estaca de Bares ata o río Miño, cunha lonxitude total de 250 km e unha altitude media de entre 600 e 1000 metros. A Dorsal Galega fai de límite entre as provincias de A Coruña e Lugo no norte, A Coruña e Pontevedra na parte media e Pontevedra e Ourense no sur.

A Dorsal Galega ten un efecto de barreira que bloquea os ventos do Atlántico que veñen cargados de humidade, estas masas de aire húmido teñen que ascender para pasar esta barreira, có que se produce o arrefriamento e a condensación do vapor de auga, o que se traduce en abondosas precipitacións. De feito, a serra do Suído é un dos lugares con maiores precipitacións de Galicia e de toda a Península Ibérica. Outra mostra da súa gran capacidade para reter auga é que nela agroman grandes ríos galegos coma o Verdugo e o Oitavén que van cara o oeste e o Avia que vai cara o leste. O Tea é outro dos río que percorren o Suído.

Río Tea o seu paso polo Suído, o 7-10-2016 

A serra do Suído é coma unha meseta, na parte alta altérnanse zonas chairas con coutos ou montes que acadan e mesmo superan os 1000 metros de altitude. Segundo as distintas fontes a máxima altitude do Suído é no Couto de Sesta Cerrada (1059 m.) ou o Couto de Puza (1057 m.).

Apozamentos temporais de vital importancia para os anfibios da zona, ao fondo, un dos parques eólicos da sierra.

A paisaxe do Suído é froito de séculos de modificacións realizadas polo ser humano. Nas zonas máis altas da serra desapareceron as fragas para dar paso a zonas de pasto e matogueira. Para levar a cabo esta transformación as xentes do lugar empregaron unha ferramenta poderosa utilizada dende fai milleiros de anos, o lume.


Ao longo da serra podemos atopar gran gantidade de garranos e vacas. 

No Suído podemos atopar tamén numerosas brañas e turbeiras, estes espazos son zonas asolagadas onde a falla de osíxeno no chan non permite a descomposición dos restos vexetais, polo que estes se acumulan en forma de turba. Estos depósitos poden acadar varios metros de espesor e actúan coma esponxas, acumulando auga e liberándoa ós poucos.

As turbeiras son o fogar de moitas especies de prantas e animais adaptados a este medio. Destacan as prantas carnívoras do xénero Drosera, orballiñas, no Suído podemos atopar a Drosera rotundifolia. Estas prantas obteñen gran parte dos nutrintes que precisan atrapando insecto, xa que estes nutrintes non estás dispoñibles na turba.

Pranta carnívora Drosera rotundifolia nunha turbeira da serra.

Detalle de pranta carnívora (D. rotundifolia) cunha presa o 08-08-2017 no Pozo Piñeiro.

Déixovos a continuación algúns dos recunchos que podemos atopar no Suído, un lugar para coñecer, desfrutar, camiñar e respectar.


Ponte medieval no río Teo o seu paso por Covelo (Pontevedra). 

Vistas as zonas altas da serra e o encoro de Pozo Piñeiro, preto do corazón do Suído. 

Detalle de Pozo Piñeiro, que fai de refuxio e bebedeiro para a fauna da zona.

Pista dende a que se pode ver boa parte do sur da provincia de Pontevedra.
Río Parada o seu paso por Entrerríos, formando un dos múltiples vales da serra.

Exemplar adulto de Chioglossa lusitanica atopado nunha das múltiples zonas húmidas do Suído.

Esta serra ten unha grande extensión e moitos valores naturais que resaltar como para incluílos todos nunha soa entrada, polo que seguiremos coñecéndoa en futuras publicacións.

Agardo que despois deste pequeno resumo coñezamos un pouco mellor este recuncho de Galicia e que entre todos axudemos na súa conservación.

Vémonos na seguinte entrada!

Bibliografía:
Varios autores, (2006). As montañas de Galiza. Ed. A nosa terra.
A serra do Suído. No sur da dorsal galega. Xunta de Galicia. Asambleia do Suído, FEG.

Webgrafía:
www.concellodecovelo.es
www.medioruralemar.xunta.es

2 comentarios:

  1. Teño pendente volver a Pozo Piñeiro, sobre todo para libélulas. Unha zona moi interesante.
    Apertas,
    Martiño

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Se planificas unha saída por esa zona conta conmigo, que tamén e moi interesante para hérpetos!

      Eliminar