Tradutor

Rescatando anfibios

É ben sabido que os anfibios precisan a auga para reproducirse e en ocasión esa dependencia oblígalles a aventurarse a cruzar estradas, camiños e pistas, poñendo en risco a súa vida cada vez que pisan o asfalto. Nas noites húmidas e con choiva de outono e primavera son especialmente vulnerables, xa que se activan na procura de masas de auga onde reproducirse. Se nos topamos coa noite adecuada (condicións de temperatura, humidade e lugar propicio), podemos contalos por ducias e incluso centos sen sair da estrada.

B. spinosus momentos antes de ser apartado da estrada.

As estradas, ademáis, non só propician os atropelos senón que destrúen ou fragmentan os hábitats, favorecendo o declive de especies como o Bufo spinosus ou a Salamandra salamandra.


Exemplares adultos de sapo común atropelados en estradas secundarias.

Para ilustrar mellor este problema, vouvos contar o que aconteceu unha desas noites propicias para ver anfibios. O día 4-01-2018 realicei unha saída polo sur da provincia de Pontevedra, xa que as condicións eran óptimas e a zona boa.

Chovía miúdo e a temperatura rondaba os 11º, o chan húmido e non sopraba o vento. Movíamonos en coche por estradas secundarias coa idea de ver charcas e regos para facer unha mostraxe dos anfibios da zona, cando nos atopamos que era imposible avanzar máis de cen metros sen toparnos con exemplares de salamandra (Salamandra salamandra) ou de sapo común (Bufo spinosus) no camiño. O ver este panorama decidimos aportar o noso grano de area e alonxalos desa trampa morta na que se atopaban, parando e recollendo os exemplares que iamos descubrindo para levalos a unha zona máis apartada onde poidesen seguir có seu ciclo reproductor.
 
Fermoso exemplar adulto de B. spinosus nunha zona segura.

Nun tramo de estradas (duns 100m), directamente detivemos o coche ante a enorme cantidade de sapos que nos atopamos, era imposible pasar por alí sen atropelar algún, polo que nos puxemos mans á obra para sacalos dalí, en total entre 120 e 150 exemplares adultos de B. spinosus rescatados e postos en lugar seguro.

Pequena mostra dos exemplares rescatados, algúns deles en amplexo.

Outra fotografía que amosa máis exemplares sacados das estradas.

Por último dicir que moitos dos exemplares rescatados se atopaban en amplexo, postura na que o macho aperta a femia por detrás das súas patas anteriores mentres agardas a que as femias poñan os cordóns de ovos, para poder fecundalos. Dicir coma curiosidade, que varios machos poden agarrar a mesma femia mentres pelexan entre eles por manterse aferrados.

 Amplexo de B. spinosus rescatado da estrada.

Amplexo de B. spinosus no que se ven ata 3 machos competindo por unha mesma femia.

A raíz desta noite decidín repetir esta saída cada ano coa finalidade de estudar a evolución das poboacións de sapo común na zona (Bufo spinosus) e a súa evolución co paso dos anos. Para isto vou nas mesmas datas e coas condicións climáticas idóneas a mesma zona e fago un transecto no que rexistro a temperatura e estado do ceo así como o número de exemplares vistos, os que estean en amplexo e os atropelos.

Ano 2018: 4-01-2018
Nin temperatura nin estado do ceo rexistrados.
Número total de exemplares: entre 150 e 200.
Número total de amplexos: non rexistrado.
Número total de atropelos: non rexistrado.

Ano 2019: non rexistrada a data (foi en xaneiro).
Nin temperatura nin estado do ceo rexistrados.
Número total de exemplares: entre 120 e 150.
Número total de amplexos: non rexistrado.
Número total de atropelos: non rexistrado.

Ano 2020: 18-01-2020
Temperatura entre 8º e 11º, ceo cuberto con chuvascos intermitentes.
Número total de exemplares: 26
Número de amplexos: 1
Número de atropelos: 1

Tódalas fotos que aquí aparecen son feitas por min, có único fin de dar a coñecer a nosa fauna e flora, polo que agradecería a súa difusión, se alguén está interesado en utilizar as imaxes, pido que antes se poña en contacto comigo debio o tempo e esforzo invertido na súa realización.

Agardo que despois desta entrada tomemos un pouco máis de conciencia sobre esta problemática e nos movamos con maior precaución, xa que todos podemos axudar na conservación da nosa fauna.

Vémonos no monte!

Bibliografía:
Speybroeck, J., Beukema, W. y Bok, B., (2017), Anfibios y reptiles de España y de Europa. Barcelona, España, Ediciones Omega.
Masó, A. y Pijoan, M., (2011), Anfibios y reptiles de la península ibérica, baleares y canarias. Barcelona, España, Ediciones Omega.

Webgrafía:
www.vertebradosibericos.org
www.sghn.org

Colaboradores:
Jose Antonio Crespo
Jonatan Antúnez González

4 comentarios:

  1. Magnífico traballo, Miguel. Lástima que non haxa máis xente coma vos.

    ResponderEliminar
  2. Saúdos, Miguel.Atopei o teu blogue curioseando noutra publicación e quixera seguilo, pero vexo que non hai isa opción e só quería saber se hai algún xeito de seguila automáticamente.Grazas polo traballo pero chegoume a pouco :) Na miña casa aparecen ás veces e metense entre a leña ou veñen á porta, non sei se notan a calor ou porqué o fan e gostaríame saber cómo ou donde podo poñelos a salvo por medo a pisalos sen velos ou aplastalos collendo leña.Grazas

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hola Lucrecia, en primeiro lugar gracias polo interese, podes estar o tanto das novas publicacións se adxuntas o teu correo electrónico na pestaña seguir por email que aparece na parte dereita da pantalla. Por outro lado, se atopas algún anfibio dentro da túa casa ou garaxe, o podes coller e deixalo nun lugar máis apartado, se é posible lonxe de estradas, para que siga o seu camiño.

      Eliminar