Tradutor

Amosando publicacións coa etiqueta Sapos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sapos. Amosar todas as publicacións

Rescatando anfibios

É ben sabido que os anfibios precisan a auga para reproducirse e en ocasión esa dependencia oblígalles a aventurarse a cruzar estradas, camiños e pistas, poñendo en risco a súa vida cada vez que pisan o asfalto. Nas noites húmidas e con choiva de outono e primavera son especialmente vulnerables, xa que se activan na procura de masas de auga onde reproducirse. Se nos topamos coa noite adecuada (condicións de temperatura, humidade e lugar propicio), podemos contalos por ducias e incluso centos sen sair da estrada.

B. spinosus momentos antes de ser apartado da estrada.

As estradas, ademáis, non só propician os atropelos senón que destrúen ou fragmentan os hábitats, favorecendo o declive de especies como o Bufo spinosus ou a Salamandra salamandra.


Exemplares adultos de sapo común atropelados en estradas secundarias.

Para ilustrar mellor este problema, vouvos contar o que aconteceu unha desas noites propicias para ver anfibios. O día 4-01-2018 realicei unha saída polo sur da provincia de Pontevedra, xa que as condicións eran óptimas e a zona boa.

Chovía miúdo e a temperatura rondaba os 11º, o chan húmido e non sopraba o vento. Movíamonos en coche por estradas secundarias coa idea de ver charcas e regos para facer unha mostraxe dos anfibios da zona, cando nos atopamos que era imposible avanzar máis de cen metros sen toparnos con exemplares de salamandra (Salamandra salamandra) ou de sapo común (Bufo spinosus) no camiño. O ver este panorama decidimos aportar o noso grano de area e alonxalos desa trampa morta na que se atopaban, parando e recollendo os exemplares que iamos descubrindo para levalos a unha zona máis apartada onde poidesen seguir có seu ciclo reproductor.
 
Fermoso exemplar adulto de B. spinosus nunha zona segura.

Nun tramo de estradas (duns 100m), directamente detivemos o coche ante a enorme cantidade de sapos que nos atopamos, era imposible pasar por alí sen atropelar algún, polo que nos puxemos mans á obra para sacalos dalí, en total entre 120 e 150 exemplares adultos de B. spinosus rescatados e postos en lugar seguro.

Pequena mostra dos exemplares rescatados, algúns deles en amplexo.

Outra fotografía que amosa máis exemplares sacados das estradas.

Por último dicir que moitos dos exemplares rescatados se atopaban en amplexo, postura na que o macho aperta a femia por detrás das súas patas anteriores mentres agardas a que as femias poñan os cordóns de ovos, para poder fecundalos. Dicir coma curiosidade, que varios machos poden agarrar a mesma femia mentres pelexan entre eles por manterse aferrados.

 Amplexo de B. spinosus rescatado da estrada.

Amplexo de B. spinosus no que se ven ata 3 machos competindo por unha mesma femia.

A raíz desta noite decidín repetir esta saída cada ano coa finalidade de estudar a evolución das poboacións de sapo común na zona (Bufo spinosus) e a súa evolución co paso dos anos. Para isto vou nas mesmas datas e coas condicións climáticas idóneas a mesma zona e fago un transecto no que rexistro a temperatura e estado do ceo así como o número de exemplares vistos, os que estean en amplexo e os atropelos.

Ano 2018: 4-01-2018
Nin temperatura nin estado do ceo rexistrados.
Número total de exemplares: entre 150 e 200.
Número total de amplexos: non rexistrado.
Número total de atropelos: non rexistrado.

Ano 2019: non rexistrada a data (foi en xaneiro).
Nin temperatura nin estado do ceo rexistrados.
Número total de exemplares: entre 120 e 150.
Número total de amplexos: non rexistrado.
Número total de atropelos: non rexistrado.

Ano 2020: 18-01-2020
Temperatura entre 8º e 11º, ceo cuberto con chuvascos intermitentes.
Número total de exemplares: 26
Número de amplexos: 1
Número de atropelos: 1

Tódalas fotos que aquí aparecen son feitas por min, có único fin de dar a coñecer a nosa fauna e flora, polo que agradecería a súa difusión, se alguén está interesado en utilizar as imaxes, pido que antes se poña en contacto comigo debio o tempo e esforzo invertido na súa realización.

Agardo que despois desta entrada tomemos un pouco máis de conciencia sobre esta problemática e nos movamos con maior precaución, xa que todos podemos axudar na conservación da nosa fauna.

Vémonos no monte!

Bibliografía:
Speybroeck, J., Beukema, W. y Bok, B., (2017), Anfibios y reptiles de España y de Europa. Barcelona, España, Ediciones Omega.
Masó, A. y Pijoan, M., (2011), Anfibios y reptiles de la península ibérica, baleares y canarias. Barcelona, España, Ediciones Omega.

Webgrafía:
www.vertebradosibericos.org
www.sghn.org

Colaboradores:
Jose Antonio Crespo
Jonatan Antúnez González

Os nosos anfibios cara a cara: os sapos

Nos nosos anfibios cara a cara achegarémonos ao mundo destes pequenos animais, para coñecelos, diferencialos e sobretodo para darlles o valor e respecto que precisan, xa que moitas veces a base de supersticións e crenzas populares xerámonos unha idea equivocada deles (mala sorte, velenosos, perigosos, agresivos...). Son animais completamente inofensivos e só podería causar unha hipotética toxicidade se despois de manipulalos nos tocamos zonas sensibles coma os ollos ou os beizos, xa que se podería sufrir unha pequena irritación.

Gustaríame tamén engadir, que non só resultan inofensivos para o ser humano, senon que ademáis resultan beneficiosos, xa que son notables depredadores, fundamentalmente de insectos e invertebrados, ocupando un importante papel dentro do equilibrio dos ecosistemas.

Nesta sección do blog gustaríame que coñecésemos tódolos anfibios presentes na xeografía galega, pero dende un enfoque diferente, coñecerémolos de preto, a través da macrofotografía dos seus rostros. Así veremos e aprenderemos a diferenciar cada un deles grazar a detalles coma a pel, a forma e cor dos ollos, aspectos da cabeza, etc.

Anteriormente xa falamos dos sapos, das ras e das píntegas polo que esta vez será a quenda dos limpafontes, tal vez o grupo de anfibios menos coñecido, xa que pasan a meirande parte da súa vida na auga. En Galicia contamos con 3 especies diferentes de limpafontes, que tal e como amoso a continuación son:

Comezaremos polos sapos, un dos grupos de anfibios máis maltratados polo ser humano. En Galicia contamos con 5 especies diferentes de sapos e sapillos, que tal e como amoso a continuación son:

Bufo spinosus (Sapo común)
É a especie con maior presenza en todo o territorio, acada un gran tamaño e robustez (ata 12 cm). Iris dourado ou cobrizo coa pupila horizontal.

 Femia de gran tamaño afotada no interior de Pontevedra.

   Exemplar moi escuro cun gran contraste coa cor do ollo.

Alytes obstetricans (Sapiño comadrón)
Especie máis localizada que o B. spinosus, pero ben distribuida por Galicia, de pequeno tamaño (5 cm), rechoncho. Iris cobrizo coa pupila vertical.

Detalle do sapiño comadrón no que se aprecia a pupila vertical.

 Exemplar adulto afotado no seu hábitat en Ourense.

Bufo calamita (Sapo corriqueiro)
Cunha presenza similar a do A. obstetricans, de tamaño medio (9 cm), robusto. Sempre cunha liña vertebral amarela-ocre. Iris verdoso coa pupila horizontal.

 Exemplar adulto no que se aprecian as súas principais características identificativas.

Pola noite as cores dos anfibios cambia, sendo moito máis brillante e rechamante. 

 Pelobates cultripes (Sapo de esporóns)
É a especie máis difícil de atopar, moi escaso en Galicia, sapo grande (12 cm) e rechoncho. Sempre cun esporón negro no pe posterior. Ollos saíntes, verdosos e de pupila vertical.

 Exemplar atopado polo día, no que se aprecia perfectamente as pupilas verticais.

Exemplar cun patrón de coloración máis marcado atopado pola noite.

Discoglossus galganoi (Ra das veigas)
Especie fundamentalmente presente en territorios pretos a costa. Sapillo mediano (7 cm) e robusto con aspecto de ra, fociño puntiagudo e pel lisa e brillante. Pupila en forma de pinga invertida.

 Exemplar adulto afotado na provincia de Ourense, onde é mais escaso.

 
Fermosísimo exemplar afotado preto da costa pontevedresa.

Máis adiante centrareime en cada especie de anfibio a nivel individual, adicándolle unha entrada a cada unha das especies que temos en Galicia, para coñecer mellor as súas características individuais, comportamento, hábitat...

Por último dicir que tódalas fotos que aquí aparecen son feitas por min, có único fin de dar a coñecer a nosa fauna e flora, polo que agradecería a súa difusión, se alguén está interesado en utilizar as imaxes, pido que antes se poña en contacto comigo debio o tempo e esforzo invertido na súa realización.

Agardo que despóis deste pequeno resumo coñezamos un pouco mellor estos animais e que entre todos axudemos a súa conservación, vémonos na seguinte entrada!

Bibliografía:

Masó, A. y Pijoan, M., (2011), Anfibios y reptiles de la península ibérica, baleares y canarias, Barcelona, España, Ediciones Omega.

Webgrafía:

www.vertebradosibericos.org
www.sghn.org